Entendendo a factura eléctrica

Algunha vez desistiches de comprobar unha factura eléctrica porque che pareceu demasiado complexa?. Se a resposta é afirmativa, non te preocupes. Non es un caso illado. Con este artigo imos tentar axudarche a entender mellor a túa factura eléctrica.

Termo enerxía– É o prezo do consumo enerxético propiamente dito e ocupa algo máis da metade do custe total da factura. Abrangue a marxe e o custe comercial, e a peaxe e o custe da enerxía. Establécese en función do consumo, do prezo da electricidade e da peaxe da enerxía.

Termo potencia– É a compoñente regulada que establece o custe por dispor dunha potencia específica. Págase sempre, mesmo cando non se consuma enerxía, tendo en conta a potencia que temos contratada e a peaxe da potencia segundo o prezo regulado dependente da tarifa de acceso.

Exceso potencia– É un recargo cando se supera a potencia eléctrica que temos contratada.

Exceso reactiva– A enerxía reactiva non se consume pero repercute na factura. Está asociada a tódolos aparellos que precisen dunha bobina para o seu funcionamento(motores, transformadores). Mídese en kVArh( quilo voltio-amperio hora).

Imposto eléctrico– O chamado imposto eléctrico é un imposto especial que grava a potencia e o consumo. Representa aproximadamente o 4% da factura.

Aluguer de contador– Se non dispoñemos dun contador propio debemos abonar mensualmente unha cota en concepto de aluguer. Supón sobre o 2% da factura.

IVE– Este é un concepto habitual. Neste caso estamos cun 21% de recargo sobre o custe total dos conceptos anteriores.

Con estes conceptos podemos coñecer un pouco mellor a nosa factura. Pero na actualidade as comercializadoras que apostan pola enerxía intelixente veñen adoptando políticas de transparencia e atención directa que resolven con claridade as dúbidas dos seus clientes”